O debate está na rúa… Os prezos dos alimentos encarécense, multiplícanse as folgas de transportistas, pescadores e agricultores e aparecen revoltas pola carestía dos alimentos básicos. Este transo común que vivimos no día a día quen nos atopamos no chamado “primeiro mundo” fai que a miúdo non alcancemos a ver cal é o problema de fondo nin as verdadeiras implicacións dun xesto tan simple como acender a luz, o coche ou o teléfono móbil.
O constante aumento dos prezos da enerxía está pondo en serios apuros a un sistema económico empeñado en crecer constantemente dentro dun mundo finito. Un sistema que se ve abocado ao seu fin se non se atopa axiña unha solución que conteña a demanda de recursos e o malgasto.
Hai quen pensa que a crise da EEE (enerxía, ecoloxía, economía) terá solución dentro do sistema. Xa sexa por un descubrimento científico ou tecnolóxico milagroso, xa sexa por unha autorregulación do mesmo.
No primeiro caso non existe, polo momento, ningunha posibilidade de encanamento real que a ciencia e a tecnoloxía a día de hoxe poidan achegar para superar as máis que evidentes dificultades polas que estamos a pasar. Poño algúns exemplos.
No momento actual existen unhas 450 centrais nucleares no mundo. Para substituír a metade das enerxías fósiles que se consumen sería necesario crear unhas 3000 novas centrais nucleares nun período de tempo relativamente curto. Deixando de lado a inmensa cantidade de enerxía e recursos que isto suporía, na actualidade queda uranio para alimentar as necesidades das nucleares existentes por uns 50 anos. Con 3000 novas nucleares, para canto tempo quedaría?. Iso por non falar do problema non resolto dos residuos e do importante incremento de risco de accidente co espallamento por todo o planeta de 3000 novas nucleares. Ademais, o prezo dos recursos en xeral e do uranio en particular están sufrindo espectaculares alzas nos mercados debido a que en moitos casos como o do petróleo ou o gas estase chegando ou se chegou xa ao pico máximo de produción. Aínda por riba sería necesario convertir unha boa parte dos motores de combustión do transporte e doutras máquinas en motores eléctricos o que supón un “plan renove” de tal magnitude que incrementariamos de forma exponencial o consumo de moitos recursos que xa son escasos.
Os máis fanáticos da opción nuclear como paliativo da crise enerxética e ambiental tratarannos de convencer das novas perspectivas que se abren coas centrais de IV xeración a base de torío, mineral relativamente abundante no planeta. Unha tecnoloxía máis complexa e cara que non veremos antes de dúas ou tres décadas, moi a destempo, e que non evitaría no esencial os problemas que acabamos de comentar.
Nos grandes mercados financeiros, o capital móvese na procura de rendibilidade. Despois do desastre das hipotecas lixo aquí e alá os investidores viron o filón das materias primas porque saben que apostan a cabalo gañador. Teñen claro que a situación continuará levando os prezos á alza. En parte por esta mesma especulación, pero en boa parte tamén polo crítico estado das reservas e a súa relación co constante incremento da demanda. Na medida en que esta crise aumente a demanda descenderá e con ela tamén os prezos. Mais quen xoga a longo prazo e mercadea con futuros sabe de tendencias e con claridade conclúe cando mira ao horizonte que o tempo da enerxía barata chegou ao seu fin. Máis aínda se consideramos as circunstancias xeopolíticas que envolven ó ouro negro e o máis que posible ataque a Irán que de materializarse podería converter a crise en algo máis que un susto ou, como xa advertiu fai uns meses o fillo pródigo, nun novo conflito bélico internacional.
Poida que algúns pensen aínda que neste mundo finito unha combinación eficiente de tecnoloxías, se é posible máis limpas que sucias, sacarannos as castañas do lume. Temos alugunhas dúbidas razoables…
O hidróxeno presenta tamén grandes problemas. É un vector enerxético e hai que sacalo da auga ou do metano (e volta aos fósiles). Para iso necesítase máis cantidade de enerxía da que logo achega o propio hidróxeno. Non é necesario ser un lince das matemáticas para darse conta de que nos atopamos cunha taxa de retorno enerxético negativa. Ademais é tremendamente volátil e algúns dos compoñentes que se empregan na fabricación das pilas de combustible están en franca escaseza.
A máis eficiente das chamadas enerxías renovables, a eólica, pode cubrir unha parte importante da demanda eléctrica actual. Con todo, para cubrir o 30% do consumo mundial de electricidade sería necesario instalar 1.500.000 xeradores de 2 MW o que suporía duplicar a produción mundial de aceiro, usar a metade da produción mundial de carbón, multiplicar por 30 a produción mundial de fibra de vidro, usar toda a produción anual de cemento e a metade da produción mundial de cobre. Todo moi ecolóxico… E o mesmo en proporcións semellantes podemos trasladalo a todas as enerxías chamadas renovables. O renovable é o vento ou o sol, non os aeroxeradores ou os paneis fotovoltaicos que non saen da nada e se deterioran co tempo.
A biomasa é con diferencia a renovable máis usada, especialmente no “terceiro mundo”. É renovable sempre que se aproveite de forma razoable a materia vexetal, pero na práctica está supondo a talla incontrolada e a desaparición de bosques en zonas moi extensas de todo o planeta. E cando un bosque desaparece, ademais das consecuencias que xa sabemos, deixa de ser renovable.
En tempo de crise é común ver como aparecen, oportunistas, os vendedores de solucións milagreiras. De alcois e de aceites, de algas, da fusión fría e ata o motor de auga e o movemento perpetuo mediante campos electromagnéticos. Todo puro ilusionismo para vender fume. Pero a gran esperanza dos beatos da ciencia é esa chamada ITER que custará a friorenta de 10.300 millóns de euros aínda que non promete resultados ata dentro duns 40 anos e para entón sería necesario construír moitos destes reactores de fusión que prometen enerxía inesgotable. E quen terá a tecnoloxía, as patentes e o diñeiro suficiente para iso?
Non, a tecnoloxía e a ciencia non son quen de proporcionar unha solución que satisfaga as nosas crecentes ansias de consumo porque neste modelo económico baseado no crecemento continuo non hai enerxía que chegue. Se non crecemos, malo, vén a crise, o paro e a depresión… Se crecemos tamén malo. Dispárase o consumo, os prezos e as agresións ambientais. Estamos nun calello sen saída, nunha encrucillada.
Para saír do apuro é necesario darlle ao problema a verdadeira dimensión que ten, aceptar que o modelo de libre mercado baseado no constante crecemento é inservible e autodestrutivo e asumir que calquera outra opción pasa por eliminar de raíz o problema principal. Non é posible crecer constantemente nun mundo de recursos limitados. É necesario cambiar o paradigma.
Pero claro, cambiar o modelo nesta dirección non é algo que interese ao capital e os seus mentores. Non o permitirán porque vai contra os principios esenciais da economía e da política ao uso. E o círculo péchase. Na medida en que as dificultades por asegurar os recursos considerados estratéxicos se acrecenten é posible que vexamos guerras, políticas populistas e ataques directos aos dereitos civís e liberdades con variados argumentos centrados na “doutrina do shock” e do medo. É este o mundo que queremos?
Un novo modelo esixe decrecer sen traumas. Esixe facer sostible o insostible, ser autosuficientes e autoxestionarios, localizar as relacións de produción e consumo ao humanamente abarcable, reformular o concepto de traballo e reivindicar o lecer e a vida tranquila, cambiar a palabra futuro por “todo o tempo de mundo”, o automóbil particular por un modelo de mobilidade centrado no peón, a bicicleta e o transporte público, a democracia simbólica pola democracia horizontal que responsabilice e posibilite realmente a toma de decisións á cidadanía, o individualismo consumista pola reutilización, a reciclaxe e os servizos comunitarios, as desfeitas medioambientais por devolverlle sempre á terra canto se lle quita, en definitiva, consumir menos para vivir mellor… Case nada.
Está claro que a conta atrás xa comezou. É o momento de debater, organizarse, actuar… Sen concederlles máis o beneficio da dúbida.
Unhas referencias:
www.crisisenergetica.org
http://www.peakoil.net/
http://caosmosis.acracia.net
http://energias.ecoportal.net/content/view/full/52289
http://www.lifeaftertheoilcrash.net/Index.html
http://www.fraw.org.uk/index.shtml
http://www.decroissance.org/
http://decrecimiento.blogspot.com/
http://www.decreixement.net/
http://www.petroleoendeclinacion.blogspot.com
http://www.grijalvo.com/Agustin_Garcia_Calvo/1aa.htm
Algúns textos de interese de Agustín García Calvo (entre moitos outros…)
* Manifiesto contra el despilfarro (Madrid: Banda de Moebius, 1977).
* Contra la Paz. Contra la Democracia (Barcelona: Editorial Virus, 1993).
* Contra el Tiempo (Zamora: Lucina, 1993; 2ª edición 2001).
* Análisis de la Sociedad del Bienestar (Zamora: Lucina, 1993: 2ª ed. 1995).
* Contra el automóvil (1996) Edicions La Letra SCCL Virus editorial.
* Avisos para el derrumbe. Editorial Lucina (1998).
Un video de interese…